Monday 06 de May de 2024

Inés Rey aposta pola innovación, a sostibilidade e as persoas como factores claves da recuperación


A alcaldesa participou no 35 aniversario de Expansión e puxo de manifesto as políticas municipais nestes eidos en accións como a Cidade das TIC, a Axenda Urbana e a igualdade de oportunidades

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta mañá na xornada organizada polo diario Expansión para celebrar o seu 35 aniversario. O evento, titulado ‘Sostenibilidad y digitalización. Claves para la reactivación de la economía y el empleo en Galicia’, realizouse en Afundación e contou coa presenza de Ana I. Pereda, directora de Expansión; Juan Carlos Escotet, presidente de ABANCA; e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

A alcaldesa da cidade destacou durante o acto de inauguración cales son os eidos máis importantes para traballar na recuperación da situación económica tras a pandemia. Para Inés Rey, a innovación tecnolóxica, a sostibilidade e as persoas serán os factores claves para conseguir o dito crecemento. “Estou segura de que a potenciación deses tres eixes nos permitirán encarar a recuperación económica con optimismo, e o máis relevante, mellorar a calidade de vida de todas e todos, que é o elemento central de toda acción pública”, sinalou a alcaldesa.

Inés Rey falou da importancia de aproveitar os fondos de recuperación europeos Next Generation. “Debemos empregalos para evolucionar cara a un modelo produtivo que teña máis en conta as persoas e que potencie o tecido industrial, así como a I+D+i e a economía do coñecemento. Un modelo que poña en valor o coidado do medio ambiente e a sostibilidade como premisas irrenunciables”, apuntou.

Pola banda da innovación tecnolóxica, destacou a aposta do seu Goberno municipal coa Cidade das TIC, que acaba de ser constituída e será “ese gran proxecto estratéxico que permitirá configurar un ecosistema galego de empresas tecnolóxicas e converterá a Galicia nun gran polo de atracción de proxectos TIC”. No que respecta á sostibilidade, a alcaldesa destacou o compromiso da cidade coa Axenda Urbana, un protocolo asinado a finais de 2020 co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Lembrou a aposta do seu goberno
por “construír unha cidade máis amable, habitable e acolledora” a través de tres ámbitos fundamentais: “as peonizacións e recuperación de espazos para a cidadanía, a mobilidade sostible e o compromiso ambiental”.

Por outra banda, Inés Rey destacou a necesidade de formar unha sociedade moderna e igualitaria, “na que homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades e representación social”. A alcaldesa agradeceu a achega do medio Expansión ao longo dos seus 35 anos á sociedade galega, ademais da súa capacidade para reunir empresas e axentes económicos de gran relevancia para a comunidade nun encontro coma este.